CRTVG

Buscar

Récord de novos positivos en Euskadi, e Cataluña segue por riba dos mil contaxios diarios

Publicado o 27/08/2020 14:21

Cataluña volve superar a cifra dos mil contaxios diarios por coronavirus. Segundo o departamento de Saúde, nas últimas 24 horas deron positivo nas probas PCR 1.288 persoas e hai 13 mortos máis.

Por terceira xornada consecutiva diminúen os pacientes ingresados polo virus nos hospitais cataláns, agora son 658, dos que 129 están na UCI. 

A tendencia é a contraria nos hospitais andaluces, que rexistraron 30 novos ingresos por coronavirus, co que a cifra total chega a 371. Durante este mesmo tempo, confirmáronse 816 novos positivos e 1 falecido en Andalucía

En Euskadi, o gromo con 28 contaxiados detectado na residencia arabesa de Zuia rexistrou este xoves a súa primeira vítima mortal. A curva de contaxios mantén a súa tendencia á alza nas tres provincias vascas con 764 novos positivos en 24 horas.

Seguindo os pasos de Murcia, a Generalitat Valenciana pediralle ao Goberno a colaboración de 150 dos 2.000 rastrexadores militares postos polo Goberno a disposición das comunidades autónomas para atallar a expansión do coronavirus. 

"Estamos en disposición de que os rastrexadores se incorporen xa en calquera etapa ou momento do proceso. Tanto desde o inicio para empezar a rastrexar nese momento como aqueles procesos que estiveran en marcha", asegura a ministra de Defensa, Margarita Robles.

Madrid continúa facendo cribados masivos nos concellos con maior incidencia de covid-19, como Fuenlabrada, para detectar asintomáticos. 

Co virus expandíndose por todo o territorio español, as comunidades piden os rastrexadores militares que ofreceu o Goberno.

A Comunidade Valenciana, Cantabria e Murcia súmanse ás autonomías que, como Galicia, xa solicitaron este apoio do Exército.  

A situación preocupa moito en Cataluña, que está outra vez por riba dos mil contaxios novos cada día, e en Euskadi, que xa rexistra máis contaxios diarios ca nos peores días da pandemia.

Noticias web

27/08/2020