Recompilan propostas para organizar un San Froilán pos-Covid
Será difícil volver ver imaxes coma estas do San Froilán, con rúas ateigadas, pero dende o Concello de Lugo queren manter a súa festa máis tradicional, por iso comezan xa a recompilar ideas, xunto cos diferentes colectivos vencellados á festa, de como se pode organizar un San Froilán poscovid.
"Si é que non se pode facer un San Froilán masivo como outros anos pois buscar un que sexa alternativo. Si falamos cunha atracción con límite de acollida igual non ten moito sentid. Vamos valorar múltiples posibilidades para despois ter pensada a que sexa máis axeitada e adaptalas a cada momento", sinala Maite Ferreiro, concelleira de Cultura.
O principal sinal de identidade son as casetas do polbo, unhas infraestruturas que requiren importantes investimentos e que funcionaban durante todo o mes de outubro.
"Eran sobre 30.000 euros para pagar ao Concello e despois a montaxe uns 20.000 euros. Despois persoal e posiblemente non poidamos estar ao 100%, e o problema é que se a mediados nos mandan pechar, iso é unha ruína e hai que pensalo moito", di Ramiro López, un dos hostaleiros que poñían casetas do polbo.
A evolución da pandemia marcará os detalles, pero hai unha idea clara.
"San Froilán vai haber, pero hai que ir asimilando que vai a ser diferente e adaptado ás circunstancias", sinala Maite Ferreiro, concelleira de Cultura.
Quedan por diante catro meses de propostas e organización para manter a festa por excelencia do outono galego.