Recomendan non beber auga da billa en Ortigueira se sae turbia
A auga que lles chega á billa aos veciños das parroquias dos Freires e Senra, en Ortigueira, ten unha cor amarronada que desaconsella o seu consumo. É a consecuencia do arrastre de terras producido polas intensas precipitacións caídas nestes días.
"Ao chover tanto, con este mal tempo, púxose peor e o concello deunos aviso de que non podiamos consumir auga"; "Xa aconteceu dúas veces que non podemos tomar auga e temos que agardar"; "Nin sequera a usamos para facer de comer porque, co turbia que está, preferimos non nos arriscar".
A situación, porén, non é nova. Episodios semellantes acontecen cada vez que arrecia a chuvia. "É un depósito que capta auga do río pero tamén capta os lodos".
Porén, non todos amosan o mesmo grao de preocupación. "Eu béboa sen problema ningún. Ao vir de arriba, do monte, coa tormenta sempre vén algo marrón, pero déixoa correr un pouco e xa está".
O problema afecta arredor dun cento de veciños dos lugares de Loureiros de Baixo e de Riba, Teixoeiras, Canavás e Burreiros.