CRTVG

Buscar

Suxiren mercar e conxelar xa a cea de Nadal no Reino Unido pola crise de abastecemento

Publicado o 05/10/2021 22:18

A crise de desabastecemento de mercadorías e de gasolina no Reino Unido debida á escaseza de man de obra tras entrar en vigor a política migratoria do brexit podería agravarse nos meses vindeiros e, cara ao Nadal, o sector da alimentación seica deu algunha idea para sorteala e evitar desgustos.

Os comerciantes británicos non teñen claro que esta crise de desabastecemento vaia rematar antes do Nadal e chegaron a recomendarlles aos cidadáns que sexan previsores e merquen xa, cando os encontren, e conxelen os produtos que desexen servir nas festas do Nadal, para asegurarse.

Comerciantes de alimentos e de bebidas non cren que cara a esas datas se resolva o problema da falta de man de obra, en particular de camioneiros, que está a provocar o desabastacemento dos mercados e tendas de alimentación xa desde hai semanas. Iso pese á disposición do Goberno británico para expedir 11.000 visados temporais para traballadores do sector co obxecto de capear a situación derivada da política migratoria posterior ao brexit.  

O brexit e a pandemia canda a suba do prezo das materias primas e da enerxía levan xerando unha crise de desabastacemento no Reino Unido desde hai semanas. Residentes galegos no país testemuñan a escaseza de mercadorías en farmacias, mercados e gasolineiras, canda a escaseza da man de obra, que deixou de chegar pola política migratoria do Goberno.

Mesmo algúns restaurantes se viron obrigados a retirar pratos das cartas por falta de ingredientes e os comerciantes chegaron a recomendar mercar e conxelar xa para o Nadal. A saída do Reino Unido da Unión Europea complica e retarda o paso dos camións que antes circulaban libremente e, a maiores, a distribución das mercadorías.

Canto ás gasolineiras, o Goberno viuse obrigado a mandar militares para garantir a subministración e evitar incidentes. Algunhas tiveron que pechar e noutras racionaron o combustible.

O Goberno anuncia que expedirá 11.000 visados temporais, de tres meses, que para o sector do transporte de mercadoría son insuficientes. Cifran en 90.000 os condutores de vehículos pesados que farían falla para capear esta crise.

Noticias web

05/10/2021