Recollen sinaturas en Lugo para que se modifique o deseño dun novo carril bici
O novo carril bici que se está a habilitar na rúa Marqués de Ombreiro, en Lugo, motivou as queixas dos veciños. Os afectados critican o proxecto por varios motivos, porque consideran que o carril discorre polo lado equivocado da vía e, sobre todo, porque supón a supresión de decenas de prazas de aparcadoiro.
"Non temos nada en contra del. Simplemente, quitounos moitísimas prazas de aparcadoiro. A min repercúteme mal, polos clientes. Veñen aquí a tomar algo, e onde aparcan?". "O carril está moi ben, e todo o que sexa mellorar Lugo está moi ben, pero sen que teña este impacto tan grande nos veciños do barrio". "Non hai espazo nin para a entrada e a saída dos garaxes nin para que os coches vaian con xeito pola zona. Á parte, aquí tamén hai bares que aínda que queiran poñer as terrazas fóra se cadra non poidan", sinalan os veciños.
Os residentes nesa rúa luguesa reclaman, por tanto, que se modifique o proxecto. Piden que a rúa pase a ser de sentido único e que se poida aparcar en batería, ou ben que se habilite un aparcadoiro para lles dar servizo.
"A única solución é facer a rúa unidireccional. E que se poida aparcar en batería, que así collen máis". "Supoño que esta rúa estaría moito mellor nun só sentido, de baixada. Creo que iriamos todos moito mellor, e aparcando en diagonal, en calquera dos lados", engaden.
Co fin de que o Concello de Lugo atenda a súa petición, os veciños de Marqués de Ombreiro están a recoller sinaturas.