CRTVG

Buscar

Reclaman a "fin da precariedade" na sanidade pública en varias cidades galegas

Publicado o 21/04/2021 22:13
Reclaman a "fin da precariedade" na sanidade pública en varias cidades galegas

Marchas nas principais cidades galegas e noutras localidades convocadas ás oito da tarde pola plataforma SOS Sanidade Pública elevaron este mércores a mensaxe de que é necesario "a fin da precariedade".

Nun e outro punto da xeografía, os participantes indicaron que non van parar ata conseguir que se atenda toda a patoloxía acumulada nos meses de peches parciais, se normalize a actividade en centros de saúde, se recuperen os "recursos recortados", e se retire unha lei que "limita os dereitos cidadáns".

Ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acusárono de "acaparar" os momentos televisivos e de facer unha apropiación indebida dos logros da sanidade pública. "O público é servizo, o privado beneficio", "Non falta diñeiro, sobran ladróns" e "Cita presencial, non virtual" foron os lemas nesta chuviosa xornada.

O manifesto lido fala dun sistema debilitado, de falta de recursos e da necesidade de que os fondos europeos para a reconstrución se destinen a reverter esta tendencia.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tras unha maratoniana axenda en Santiago e Ourense, desprazouse a Pontevedra para participar na acción reivindicativa de alí e destacou en declaracións á prensa a "necesidade urxente" de fortalecer a Atención Primaria, así como a imprescindible aposta por un "emprego de calidade".