CRTVG

Buscar

Reclaman a apertura de dilixencias polos últimos incendios en espazos protexidos

Publicado o 20/04/2021 14:17
Reclaman a apertura de dilixencias polos últimos incendios en espazos protexidos

A plataforma Por un Monte Galego con Futuro dirixiuse á Fiscalía de Medio Ambiente e Urbanismo de Galicia para solicitar que se practiquen "as dilixencias oportunas e necesarias" co fin de aclarar o ocorrido nos incendios forestais dos últimos meses en zonas integradas na Rede Natura 2000 ou nas Reservas da Biosfera.

Os colectivos ecoloxistas, sindicais e rurais integrados na plataforma consideran "especialmente preocupante" que se realizasen queimas nestes espazos de incalculable valor "autorizadas pola Administración pública" e que algunhas delas derivasen "en incendios forestais". Nun comunicado, apuntan á Consellería do Medio Rural que, din, "contou coa colaboraión da UME do Exército español".

A plataforma lembra que existen alternativas ao uso tradicional do lume para o manexo dos ecosistemas, "máis seguras e respectuosas co medio". Ademais, entende que a Xunta debe fomentalas e implementalas "cando os condicionantes climatolóxicos ou de superficie, localización e época de actuación desaconsellen a realización de queimas".

Denuncia que non se tivesen en conta os condicionantes meteorolóxicos de finais de marzo e principios de abril. Asegura que se levaron adiante tres destas prácticas "en días con índice de risco de incendio forestal extremo".