Recibe a alta o mozo da Brilat con covid-19 tras catro días na UCI

O mozo de 20 anos da Brilat de Pontevedra con covid-19 que permanecía ingresado na UCI desde o xoves da semana pasada, recibiu a alta hospitalaria este martes.
O home atopábase no cuartel da Brilat cando unha persona coa que comparte ximnasio o informou de que dera positivo en coronavirus, polo que se marchou a illarse no seu domicilio. Non obstante, estando na súa casa notou síntomas e, por agravamento dos mesmos, tivo que ser hospitalizado no Hospital de Montecelo de Pontevedra, desde o que foi trasladado posteriormente ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
O cadro clínico do mozo "complicouse cunha meninxite", a cal se descartou que estea derivada do coronavirus, polo que lle realizaron probas á espera de determinar a orixe desta enfermidade. Así, o home, que é deportista e non presentaba patoloxías previas, permaneceu na UCI ata que este luns foi trasladado a planta, como paso previo á súa alta hospitalaria este martes despois de que respondese ben ao tratamento.
Fontes da Brilat confirmaron que este mozo non mantivo contactos estreitos con outros membros do persoal, xa que se distribúen en grupos burbulla. Nesta liña, engadiron que manteñen "un estrito control e cumprimento das normas de distanciamento e hixiene".