Rebentan un explosivo no interior dunha sucursal de Castro de Rei para roubar
Un caixeiro dentro da sucursal de Caixa Rural na localidade lucense de Castro de Ribeiras de Lea, no concello de Castro de Rei, rexistrou unha exploxión na madrugada deste xoves.
O suceso tivo lugar arredor das 4:00 horas da madrugada na oficina situada no centro da localidade. Nesta sucursal o caixeiro está no interior, e malia que conseguiron forzar a porta de acceso, non a deron aberto de todo. Tampouco deron levado o depósito dos cartos que había no caixeiro, polo que, a priori, non conseguiron diñeiro no asalto. Con todo, aínda falta por abrir este depósito, xa que os propios empregados da caixa tampouco tiveron acceso a el.
Non hai danos persoais, pero o edificio da sucursal ten enriba un piso habitado. As persoas que viven nel están ben, pero a explosión puido causar danos irreparables. Hai cuantiosos estragos materiais e a onda expansiva desprazou portas e ventás á beirarrúa e á estrada. Malia que parece que non, está por ver se quedou afectada a estrutura do edificio. Membros do Tedax desprazáronse este xoves ao lugar para tentar esclarecer os feitos.
Nesta sucursal hai dous empregados que irán traballar a outras oficinas mentres non se repara a desfeita, unhas obras que se calcula que durarán dúas semanas. A directora presentou esta mañá a denuncia polo asalto no cuartel.
Este suceso prodúcese un día despois de que rebentaran un caixeiro no municipio coruñés de Oza-Cesures. Ademais, na propia comarca da Terra Chá ocorreron feitos similares, como no veciño concello da Pastoriza, onde tamén fixeron explotar un caixeiro a principios de maio.