Os galegos poderán cruzar a Portugal libremente malia o peche perimetral
Portugal reabrirá a fronteira con Galicia mañá sábado, un de maio. Unha noticia recibida con alegría polas empresas da eurorrexión que tantos prexuízos económicos sufriron durante 3 meses.
A apertura con Portugal abre a libre circulación con Galicia, malia estar pechada perimetralmente. O Ministerio do Interior é o que ten a potestade sobre o peche de fronteiras e anula a decisión da autoridade autonómica.
Deste xeito, está permitido o cruzamento de fronteiras polos veciños de ambos os dous países. O Ministerio di que os peches perimetrais das comunidades autónomas que limitan con outros estados non supoñen o peche de fronteiras. Polo tanto, os galegos non podemos saír da nosa comunidade sen causa xustificada, salvo para viaxar a Portugal.
89 días de peche que rematarán esta noite ás 11 e 59 minutos, cando se retiren os sinais e bloques de formigón en lugares como a eurocidade de Tomiño-Cerveira, onde causaron perdas económicas e un gran trastorno porque a ponte da Amizade tan transitada non chegou nin a abrirse unhas horas ao día.
Portugal deixa atrás o estado de emerxencia e abre fronteiras grazas aos seus bos datos da pandemia, dos mellores de Europa. Rematan, pois, as longas filas para ir ao traballo ou mesmo percorrer ata 100 quilómetros máis do habitual para chegar a un paso aberto.