CRTVG

Buscar

Fan un cribado no colexio da Ponte, en Ourense, pola elevada incidencia da covid

Publicado o 08/02/2021 14:20

O CEIP da Ponte é o colexio da provincia de Ourense con maior número de casos activos de covid-19. A incidencia é equivalente á do resto da cidade, pero xerou unha gran preocupación entre a comunidade escolar por esa eclosión de casos nas últimas semanas, polo que as autoridades sanitarias educativas decidiron facer este cribado, no que a participación foi masiva, practicamente a totalidade de alumnos e profesores deste centro, que son preto de catrocentos.

Esta semana comezou dun xeito diferente no CEIP da Ponte. Para empezar, os máis pequenos entraron no colexio da man de seus pais. Permitíuselles acompañalos para que os cativos, de 3 a 5 anos, estiveran máis tranquilos.

"Os nenos sentan no colo contigo, abrázalos para que non se movan... Eu ía con algo de dúbida, pero nada, unha marabilla, 2 segundos". "É moi necesario porque hai moitos casos no colexio, así sábese de onde pode saír, se é dentro do colexio ou fóra", comentan dúas nais. 

"Moi ben, estalo facendo de marabilla. Perfecto, campión!. Que valente!", dille unha enfermeira a un dos cativos.

Unha vez dentro, agardábanos unhas enfermeiras con orellas de fantasía sobresaíndo das pantallas de protección... "Os pobres case nin se fixan!", chancea a enfermeira.

Tamén os acompañou a doutora covid, un personaxe creado polo centro escolar para instruír os alumnos en seguridade e hixiene, e levaron cadanseu diploma acreditativo da valentía que amosaron.

Marta Romero, enfermeira: "Estabamos nós máis asustadas que os nenos. Os pais debéronos concienciar toda a fin de semana!"

Participaron practicamente o cen por cento de alumnos e persoal do centro, no que actualmente hai 18 casos activos. A alarma xerada pola elevada incidencia motivou este cribado co que se intenta frear a expansión do virus.

Mari Carmen Rodríguez, directora do centro: "Aínda que respondamos aos índices que hai no barrio, e tendo en conta que os nenos e nenas son maioritariamente asintomáticos, debemos ver se se está reproducindo nas aulas para atallar o posible contaxio".

No conxunto de Galicia, o número de positivos en centros de ensino ascende a 3.600.

Noticias web

08/02/2021