Reactívanse os adestramentos e competicións autonómicas respectando os peches perimetrais e o toque de queda
Despois de 3 semanas de parada, volven as competicións e os adestramentos en todo o deporte federado autonómico. Poden volver adestrarse con normalidade tanto ao aire libre como en instalacións deportivas, como viñan facendo ata agora, seguindo os protocolos FisiCOVID que xa foran aprobados no mes de xuño para as 58 federacións galegas. Iso si, dentro do seu municipio e respectando o toque de queda. A única excepción a esa norma é que o deportista non dispoña de alternativa para esa práctica no seu concello, ou se ten que adestrar para unha competición oficial en marcha nun horizonte de 4 xornadas.
Esas excepcións deberán estar debidamente xustificadas pola Federación ou o club correspondente. No caso do deporte federado nacional segue coma ata agora, porque non lle afectaban as restricións, e no caso do deporte non federado, non hai polo momento novidades: a práctica debe ser individual, sen contacto físico, con máscara e ao aire libre.