CRTVG

Buscar

Reactívanse en outubro as viaxes do Imserso para máis de 800.000 usuarios

Publicado o 22/06/2021 19:22
AXENCIAS

O Consello de Ministros acordou este martes autorizar o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO) a contratación dos servizos de organización, xestión e execución do programa de Turismo Social para persoas maiores durante a tempada 2021/2022, con posibilidade de prórrogas.   

Para o director do IMSERSO, Luis Barriga, a reactivación das viaxes do IMSERSO "é a mellor noticia para as persoas maiores, como indicador de normalidade, xa que supón a continuación da vida cotiá".   

O escenario temporal de continuación coincidirá co inicio habitual destes programas, en outubro de 2021, e incorporaranse medidas e protocolos para evitar o contaxio por COVID en transportes, aloxamentos e actividades: limpeza e desinfección, control de accesos e ocupación, etcétera. Este aspecto, sempre ligado ao que determinen as autoridades sanitarias en cada momento e territorio, estará dirixido a evitar situacións de risco de transmisión da Covid-19.   

Así, segundo informa o Ministerio de Dereitos Sociais, garántese a trazabilidade dos contactos en grupos de persoas viaxeiras de forma que se poida informar inmediatamente as autoridades de Saúde Pública se xurdise algún contaxio. Ademais, precisan que o persoal sanitario manterá unha vixilancia en todas as viaxes.   

Por outra banda, garántese o reembolso de gastos de reserva no caso de producirse a anulación por motivos sanitarios antes do seu inicio, tanto para persoas usuarias como para acompañantes. O valor estimado do programa durante o tres tempadas ascende a 739,4 millóns de euros (IVE excluído), dos cales o IMSERSO asume o 23,85 por cento.   

Para o programa de Turismo social 2021/2022 convócanse inicialmente 816.029 prazas para 6.123 millóns de estancias e mantéñense os prezos fixados para persoas usuarias co incremento medio das pensións (0,9%), segundo indica o Ministerio.

O número de prazas inicial incrementarase dependendo do resultado da adxudicación ás operadoras das viaxes, de forma que a baixada nas ofertas se poida traducir en incremento das prazas ofertadas. O volume económico por campaña achegarase aos 280 millóns de euros, segundo engaden.   

Atendendo ás necesidades e preferencias expostas polos órganos de representación das persoas maiores, incrementouse o número de prazas para turismo de natureza, capitais de provincia e circuítos culturais, pasando de 123.950 a 137.475. Tamén se aposta polas estancias de 10 días ou menos, as máis demandadas en campañas anteriores.   

Doutra banda, atendendo as demandas de hoteis e axencias de viaxes, o Ministerio informa de que se incrementaron os importes mínimos para o cálculo de licitación, mellorando ademais o índice de sustentabilidade das instalacións dimensionadas para a ocupación en tempada alta. Isto afecta, segundo precisa, a uns 350 establecementos hostaleiros, e estímase que mantén uns 12.000 empregos directos e 85.000 indirectos.   

Neste sentido, as empresas adxudicatarias comprométense a que, como consecuencia da execución do programa para cada tempada e nas zonas de destino correspondentes, se produza a contratación ou o mantemento de 1.000 postos de traballo netos por cada 7.500 estancias hostaleiras diarias.   

Da mesma forma que se está facendo co Programa de Turismo Social, xa se está relanzando o programa de Termalismo social e estanse ultimando os procedementos negociados cos establecementos termais.   

Estes contratos realizaranse coa "máxima celeridade", segundo aseguran desde o IMSERSO, onde teñen "o convencemento de que a dinámica de colaboración habitual rebaixará ao máximo posible os tempos para a continuación da actividade".

Noticias web

22/06/2021