CRTVG

Buscar

Sánchez e Aragonés defenden a mesa de diálogo tras a detención de Puigdemont

Publicado o 24/09/2021 15:14

Tanto o Goberno español como o catalán din que a detención de Carles Puigdemont non afectará a súa aposta polo diálogo. Con todo, Pere Aragonès cre que esta última manobra xudicial non axuda á resolución do conflito. Os grupos da oposición pedíronlle a Pedro Sánchez que faga o posible para que o expresidente catalán sexa extraditado e que se comprometa a non indultalo se finalmente é condenado.

Pere Aragonès suspendeu toda a súa axenda oficial deste venres e esta noite viaxará a Sardeña. O presidente da Generalitat di que a detención de Puigdemont os reforza aínda máis na súa aposta pola autodeterminación.:"O Estado español non actuou de boa fe ante a xustiza europea e é evidente que non axuda a unha resolución do conflito", asegurou. 

Pedro Sánchez limitouse a dicir que respecta o procedemento xudicial italiano e pídelle isto ao expresidente catalán: "Hoxe máis que nunca é importante reivindicar o diálogo", defendeu o presidente do Goberno, ao tempo que manifestou o seu "respecto a todos os procedementos xudiciais que se abran en España, en Europa, neste caso en Italia. O que é evidente é que Carles Puigdemont o que ten que facer é comparecer e someterse á xustiza"

O Partido Popular instou o Goberno a activar a súa diplomacia para lograr a extradición. E igual que Ciudadanos, esperan que o proceso non acabe noutro indulto. "A Pedro Sánchez, que se comprometa a facer todo o posible para que o señor Puigdemont sexa extraditado e, se o Tribunal Supremo, libremente e de forma independente, decide condenalo, se comprometa a cumprir coa sentenza e a non indultalo", dixo o presidente do PP, Pablo Casado. Na mesma liña manifestouse a súa homóloga de Ciudadano:"Pedímoslle que se finalmente Puigdemont vén e é xulgado, non o indulte como fixo cos seus outros socios"

O voceiro de Unidas Podemos no Congreso, Jaume Asens falou de detención ilegal. A líder do seu partido era máis cauta_ "Imos respectar as decisións xudiciais que se adopten en cada momento, como non podía ser doutro xeito, pero o Goberno de España está concentrado en abandonar o camiño da xudicialización, en apostar pola vía do diálogo"

 

Noticias web

24/09/2021