CRTVG

Buscar

Reaccións dos partidos en Galicia ao CIS

Publicado o 29/10/2019 21:10

Reacción tamén en Galicia ao CIS. No PSdeG acollen con cautela os prognósticos unha posición que tamén comparten en Podemos Galicia.

Os populares galegos desconfían dun CIS que, aseguran, vai en dirección oposta á do resto das sondaxes. Desde Ciudadanos non valoran unha enquisa que, din,  é un agasallo de Tezanos aos socialistas. No mesmo sentido vai o BNG, cren que é á enesima demostración de uso partidista dun organismo público.

"Prevalece o Tezanos político sobre o Tezanos sociólogo. Nós estamos convencidos, polos datos que temos e polo que vemos todos os días, que o BNG está á alza e que vai obter representación no Congreso este 10-N", di Rubén Cela do BNG.

"Dá o mesmo que sexa unha enquisa que deixe mellores ou peores resultados o caso é que é unha enquisa que non é valorable, que non podemos tomar en serio polo cociñada que está e por como está feita. O que é relevante aquí é que o señor Tezanos é un amigo posto a dedo por Sánchez, neste caso", asegura Beatriz Pino, de Ciudadanos.

"O noso espazo político está consolidado con eses dous deputados. O 28 de abril quedamos preto de ter a segunda deputada pola provincia de Pontevedra e a segunda deputada pola provincia da Coruña. Xa hai enquisas que están marcando claramente que estamos moi preto", afirma Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos Galicia.

"Vemos por onde están indo o resto das enquisas, que din algo moi diferente ao que está dicindo o CIS. Eu creo que a mellor enquisa son os últimos meses onde a xente estase dando conta de en que consiste o Partido Socialista para Galicia que é un partido que goberna en Madrid e que non trouxo ningunha boa nova senon todo o contrario", di Alfonso Rueda do Partido Popular de Galicia.

"Non van conseguir gañar as eleccións en España, non teñen opcións de goberno. Ao Partido Popular póñeno moi nervioso as enquisas. Agora empezan a atacar porque o CIS dá uns resultados que non lle gustan e nós somos cautos con todas as enquisas porque os votos ata que están nas urnas non son para ninguén", asegura Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG.

Noticias web

29/10/2019