CRTVG

Buscar

Reabren os camposantos con horarios restrinxidos e medidas de seguridade

Publicado o 13/05/2020 21:39

Os cemiterios reciben de novo visitas despois de case dous meses pechados. É o caso do cemiterio de Boisaca, en Santiago, que reabre as súas portas de dez da mañá a sete da tarde e no que agora non poden entrar grupos de máis de 15 persoas, o máximo establecido tamén para os enterramentos.

No camposanto das Caldas en Ourense reabren para visitas tres horas polas mañás e outras tantas pola tarde, e son os traballadores do recinto os encargados de controlar a afluencia. Mentres, en Lugo, no cemiterio de San Froilán, só se pode acceder polas tardes e con cita previa e hai a disposición da xente luvas e xel.

En todos os puntos de Galicia eran moitos os que ansiaban poder volver ata os panteóns dos seus defuntos. Tras dous meses pechados, secaron todas as flores, que agora, paseniño, repoñen para honrar e recordar os que xa non están.

Polo momento, nos camposantos tampouco se poden usar os bancos, cómpre manter a distancia física e tamén unha boa hixiene de mans especialmente no uso de elementos comúns como fontes ou regadeiras.

Noticias web

13/05/2020