CRTVG

Buscar

Reabren con tests masivos os colexios en Inglaterra case tres meses despois

Publicado o 08/03/2021 18:29
Reabren con tests masivos os colexios en Inglaterra case tres meses despois

Tal e como estaba previsto no plan de desescalada anunciado polo Goberno británico, os colexios de Inglaterra reabriron hoxe despois de case tres meses, aínda que baixo extremas medidas de seguridade e tests masivos. 

Un chisco de normalidade co primeiro paso da desescalada que finalizará o 21 de xuño e que, ademais da volta ao cole, tamén permitirá as reunións ao aire libre de dúas persoas non conviventes por motivos de lecer ou de exercicio ou as visitas dunha persoa ás residencias de anciáns.

Co peche dos centros escolares o pasado 5 de xaneiro tras o anuncio do confinamento nacional -aínda que xa estaban pechados desde mediados de decembro polas vacacións de Nadal-, a maioría dos nenos británicos, tiveron que seguir a docencia en liña desde as súas casas. Actualmente O Reino Unido conta con máis de 22 millóns de persoas xa vacinadas coa súa primeira dose e tanto os novos casos, como as mortes por covid reducíronse en máis dun 30 % con respecto á semana anterior.

Os datos oficiais, que notificaron 4.712 novos casos positivos e 65 mortes pola enfermidade nas últimas 24 horas, enfróntanse desde hoxe á proba de lume do regreso ás aulas

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, admitiu en conferencia de prensa que a reapertura hoxe dos colexios entraña de forma "inevitable" un "incremento no risco de transmisión do virus", aínda que confiou en que os centros poderán operar "de maneira segura".

Noticias web

08/03/2021