CRTVG

Buscar

Reabren as salas de xogo e bingos nos concellos no nivel 3 de restricións

Publicado o 26/02/2021 14:51

Os salóns de xogo e apostas, casinos e salas de bingo poden reabrir nos concellos que se atopan no nivel 3 de restricións, é dicir, aqueles cunha incidencia a 14 días menor aos 250 casos por cen mil habitantes. Iso si, só ata as 6 da tarde e coa ocupación limitada no interior ao 30 por cento. A ocupación máxima será de 4 persoas por mesa.

Nas escolas de música mantense a prohibición de impartir clases presenciais de canto e de instrumentos de vento, por tratarse de actividades que requiren non usar a máscara.

A pesar da mellora nos datos epidemiolóxicos, polo momento o Goberno galego non permite a apertura ao público dos albergues, que levan os 2 primeiros meses do Ano Santo sen actividade.

Tamén se manteñen limitacións nos velorios, que non poderán superar as 5 persoas por túmulo, agás conviventes, nin as 15 no exterior. A participación no enterramento queda limitada a un máximo de 15 persoas non conviventes, e en todo momento deberán cumprirse as medidas de seguridade, como o uso da máscara e a distancia interpersoal.

Noticias web

26/02/2021