CRTVG

Buscar

A Revista

Reabre, modernizada, a Sala de Ourivería Antiga do Museo Provincial de Lugo que exhibe o torques de Burela

Publicado o 09/08/2018 12:39

A reapertura ao público da sala de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo superou todas as expectativas. A modernización desta antiga Sala do Tesouro con novas tecnoloxías e normas de accesibilidade fixo dela unha sala máis dinámica e didáctica, que está a agradar moito aos visitantes que se achegan a coñecer este tesouro, galego case ao cen por cento, declarado Ben de Interese Cultural en 2015.

A museografía da sala 8 do Museo Provincial de Lugo, antiga Sala do Tesouro, onde se depositara en 1974 a colección Gil Varela de ourivería prerromana, quedara anticuada. O pasado mes de xullo estivo pechada para solventalo e reabriu a primeiros de agosto.

Aquí podemos admirar 56 pezas entre as da colección Gil Varela e outra ducia en depósito ou doazón que abranguen desde finais do Calcolítico ata o século VI despois de Cristo. O maior orgullo e principal característica é que todas, agás unha, son pezas autóctonas fabricadas en ouro nos límites da Gallaecia romana. Só hai unha pulseira e un torques realizados en prata.
Todas son importantes pero a sala reservou un lugar destacado para o Torques de Burela, un dos máis voluminosos atopados na Península Ibérica.

As visitas de turistas habituais no verán e as dos afeccionados son constantes todo o ano e todos quedan abraiados polo uso do ouro nestes traballos e pola variedade tipolóxica de pezas xa que as hai da Idade de Bronce, da época castrexa, do tempo dos romanos e mesmo, do dos suevos.

De nome romano e relacionado co ouro, Aurelia, actual directora do Museo Provincial, museóloga e ela mesma investigadora e experta en ourivería antiga, está moi orgullosa de que o museo poida exhibir xa nas mellores condicións este tesouro que define como Patrimonio Cultural Galego ao 99,9 por cento nun espazo público e gratuíto, aberto máis de 360 días ao ano.

A Revista

09/08/2018