CRTVG

Buscar

Reabre Manzaneda cun circuíto para bicicletas de montaña remodelado

Publicado o 29/05/2021 14:52

A estación de Manzaneda inaugura o día 12 de xuño a temporada de verán, pero esta fin de semana fixeron a primeira proba co circuíto para bicicletas de montaña, o Mountain Park. Participaron máis dun cento de persoas de toda Galicia.

Esta é a postal típica de Manzaneda, a única estación invernal de Galicia. Pero a neve escasea e hai que reinventarse. Baixo o manto branco afloran outras Manzanedas.

"Facer unha estación de montaña para toda a familia. Se vén neve, aproveitamos a neve, pero temos trazado un plan de sustentabilidade, deporte, deporte en familia", explica Víctor Manuel Pico Romero, director da estación.

Os afeccionados á bici de montaña xa coñecen as posibilidades da serra de Queixa, máis apetecibles neste ano posconfinamento.

Reabre baixo unha nova xestión, que colleu as rendas en xaneiro, e cun circuíto renovado: máis quilómetros de pistas e distintos graos de dificultade adaptados a distintos tipos de público.

Esta fin de semana é a primeira proba. De momento, atraeron máis dun cento de afeccionados.

O 12 de xuño a estación inaugura a temporada de verán, xa con todos os servizos abertos.

Noticias web

29/05/2021