Ratifican a prisión provisional para Kaio, un dos investigados polo crime de Samuel Luiz

EFE
EP
A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña desestimou o recurso de apelación interposto por un dos investigados polo crime de Samuel Luiz contra o auto do xulgado instrutor que o 13 de agosto decretou o mantemento do seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza.
Na resolución, contra a que non cabe presentar recurso, os maxistrados explican que existen "indicios racionais da comisión dun feito delituoso" por parte do investigado, K.A.S.C, unha das tres persoas que permanecen en prisión provisional desde a súa detención após a malleira ao mozo, na madrugada do 3 de xullo no paseo marítimo coruñés. Ademais, aprecian risco de fuga debido á petición de pena de cárcere á que podería enfrontarse e de alteración de fontes de proba, un risco que consideran que podería aumentar coa súa posta en liberdade.
O tribunal entende que a medida cautelar imposta ao apelante resulta "necesaria e proporcional" debido á "solidez" da base inculpatoria respecto da súa participación nos feitos. Así, destaca que se trata "dunha agresión brutal, executada por unha pluralidade de persoas e ao longo dun lapso relativamente prolongado de tempo".
Os xuíces, ademais, advirten que os feitos poderían chegar a ser cualificados como asasinato e, por tanto, "chegar a unha petición de pena de ata 25 anos de prisión". Por iso, subliñan que é necesario "extremar as precaucións para garantir o enxuizamento futuro".
O tribunal asegura, ao contrario do que defende o investigado, que a súa comparecencia voluntaria ante a policía podería responder a unha estratexia procesual, máis que a unha intención de colaborar, xa que nese momento, argumentan, era consciente de que a súa identidade fora descuberta. Ademais, incide en que se apreciaron "omisións e contradicións" nesa primeira declaración e en que non entregou aos axentes o teléfono móbil da vítima.