CRTVG

Buscar

Ratifican a condena a 5 anos de cárcere para un profesor de taekwondo de Vigo por abusar dunha alumna

Publicado o 11/05/2021 17:29
Ratifican a condena a 5 anos de cárcere para un profesor de taekwondo de Vigo por abusar dunha alumna

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza que condenou a 5 anos de prisión a José C., profesor de taekwondo nun club da cidade olívica, por un delito continuado de abusos sexuais a unha das súas alumnas, de 15 anos de idade.

Nesta resolución, que ratifica a emitida en outubro de 2020 pola sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os maxistrados manteñen que o acusado abusou sexualmente da vítima durante dúas clases que lle daba no seu domicilio os días 5 e 12 de novembro de 2018 coa escusa de mellorar a súa "expresividade".

O tribunal entende que "de tratarse de exercicios para mellorar a expresividade da alumna nun contexto de adestramento para a alta competición, é evidente que non tería lugar excitación sexual no monitor". A iso engade que "tampouco existe explicación razoable ao tipo de exercicios, pois ningunha das alumnas describe realizar exercicios da índole dos descritos pola menor".