CRTVG

Buscar

Rastrexan os contactos do positivo nun pub de Oleiros

Publicado o 27/07/2020 21:52

O positivo do porteiro dun pub de Oleiros obrigou a poñer en marcha o rastrexo de máis dun cento de persoas. Sanidade está contactando con todos os que pasaron polo local.

A propietaria do pub de Santa Cruz confirmounos que xa lle facilitou a listaxe completa con todos os nomes e teléfonos dos 130 clientes que pasaron polo local. O pub permanece pechado desde esta fin de semana, cando o traballador de seguridade deu positivo na proba de coronavirus.

Todos os empregados están en corentena preventiva. Este porteiro traballaba tamén en polo menos outros dous locais de ocio nocturno da zona do Orzán, na Coruña. Un centro de boxeo de Arteixo, ao que tamén acudía, está pechado e cos alumnos en corentena.

O pub de Oleiros en que o porteiro deu positivo por coronavirus está pechado e están en corentena a propietaria e outros tres traballadores do establecemento. O porteiro, Raúl, de 51 anos, traballou o venres con normalidade, pero o sábado xa avisou de que non podía asistir porque se sentía mal. O domingo confirmábase no CHUAC o seu caso como positivo por COVID-19. Unha noticia que provoca inquedanza na veciñanza.

Algúns veciños, fóra de cámara, amósanse molestos porque consideran que non se cumpren os protocolos. Outros hostaleiros temen polo seu futuro se non se impón o control.

A responsable do local asegura que expulsan sen contemplacións os que non levan máscara e que rexistra escrupulosamente todos os que acceden. Si que son rigorosos coa hixiene o co cumprimento da ocupación, aínda que recoñece que está preocupada polas aglomeracións que se forman ás veces no exterior.

Os contactos do porteiro, os que falaron con el máis tempo ou o saudaron con contacto están en corentena. Pero o porteiro tamén traballa noutros locais do Orzán e ten contacto con outros compañeiros que son porteiros noutros locais, polo que hai quen teme que a contaxio de hoxe poida ser só a punta do iceberg.

Noticias web

27/07/2020