Rastrexan a zona en que emitiu o último sinal o móbil da desaparecida en Arcade
Refórzase a busca da muller desaparecida hai máis dunha semana en Arcade. Numerosos efectivos rastrexaron este xoves o mar, buscan con cabalos no monte, e tamén dende o ceo con helicópteros. Os traballos céntranse na parroquia de Ponte Sampaio porque foi nesa zona onde se localizou o último sinal do teléfono de Manuela Barbosa. Desapareceu o martes día 13 e o teléfono quedou sen batería tres días despois.
No tempo que leva desaparecida, familia e veciños fixeron numerosas buscas sen éxito. E como non se descarta ningunha posibilidade, piden que se algunha persoa ve a súa nai se poña en contacto coas autoridades. Manuela ten problemas de mobilidade e precisa medicación. É delgada, de pelo claro, ollos negros. E no momento da súa desaparición levaba un vestido amarelo con flores e un bolsiño de palla.
Raquel Álvarez Barbosa, filla da muller desaparecida: "Está complicado porque vemos que pasan os días e non atopamos pegadas concluíntes. Triangularon a zona onde podía estar o móbil, que a sitúa aquí na parroquia de Ponte Sampaio, por iso están facendo un rastrexo máis exhaustivo, pero polo de agora é a única pista que temos e á que nos estamos agarrando".