Ramona Maneiro defende publicamente a despenalización da eutanasia
Ramona Maneiro, a muller que axudou a morrer a Ramón Sampedro, defende publicamente a despenalización da eutanasia. Decidiu comparecer días despois de que un veciño de Madrid fixera o mesmo coa súa muller, enferma terminal. Ramona asegura que hai moitos máis casos agochados.
Ramona Maneiro pide a legalización da eutanasia. Faino co escepticismo da súa experiencia, vinte e un anos despois do caso de Ramón Sampedro.
Ramona Maneiro: "Tampouco podo dicir moito porque xa pasaron vinte e un anos e non nos movemos unha merda do conto. Non sei..., oxalá, porque estas cousas non deberían suceder así".
Ramona refírese ao caso de Ángel Hernández, o veciño de Madrid que axudou a morrer a súa muller, enferma terminal. Loa a súa valentía e pide que ninguén máis, nin pacientes nin familiares, teñan que pasar por esta situación.
Ramona Maneiro: "Non sei por que ese medo a legalizar a eutanasia".
Ramona está convencida de que hai moitos casos que non saen á luz e móstrase crítica cos políticos, que non lexislan e cos que avogan pola resignación.