Realizan un cribado masivo na parroquia estradense de Vea para frear o avance do virus
Durante a fin de semana, o Sergas vai facer un cribado na Estrada polo incremento de casos dos últimos días, que acaban de situar o concello no nivel vermello de alerta. Concretamente, preocupa a zona rural. Dous mil cincocentos veciños de Souto de Vea, de todas as idades, serán citados para as probas.
Con 20 contaxios na última semana, 12 confirmados en só 24 horas, os gromos detectados en Souto de Vea preocupan as autoridades sanitarias e os propios veciños polo rápido que se están expandindo: "Vaise estendendo moito xa, que non había nada e cada día hai máis". "Non sei a consecuencia de que é nin moito menos, pero hai bastantes", sinalan dous veciños.
Os primeiros casos detectáronse en dous bares, e os veciños da zona atribúen a propagación a un enterro. O obxectivo do cribado é identificar os asintomáticos que permanecen ocultos para frear a transmisión do virus.
Cristina Fernández Pérez, xefa de servizo de Medicina Preventiva da área sanitaria Santiago-Barbanza, cre que "é moi importante que a xente acuda para identificar se hai casos asintomáticos que no futuro puideran xerar máis contaxios".
2.500 veciños, desde nenos a anciáns, serán citados ás probas. Todos os adscritos ao consultorio de Souto de Vea e os da Estrada que teñan casa alí. Son voluntarias, pero recomendan asistir: "Agora mesmo se fai falta. Eu sei que, se vén, a min várreme, mátame". A través de facer as probas é a mellor maneira de controlar a situación", din dous homes.
O cribado realizarase en horarios de mañá e tarde, sábado e domingo, con cita previa que se comunicará telefonicamente.