CRTVG

Buscar

Louzán e a delegada da Xunta en Pontevedra, condenados a dous anos de prisión

Publicado o 05/02/2021 17:34

• Oito anos de inhabilitación para o expresidente da Deputación de Pontevedra como a exalcaldesa de Moraña 

 O xulgado do penal número 3 de Pontevedra condenou a dous anos de cárcere e oito de inhabilitación o expresidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán, do PP, polos delitos de prevaricación e fraude.

A sentenza conclúe que Louzán, actual presidente da Federación Galega de Fútbol, concedeu unha subvención de 86.311 euros para realizar unhas obras no campo de fútbol de Moraña (Pontevedra) que, na súa meirande parte, xa foran executadas con anterioridade.

A mesma condena foi imposta á exalcaldesa de Moraña e actual delegada da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e o entón director do servizo de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Manuel Ángel G. J. Ambos foron considerados pola xuíza como cooperadores necesarios do delito de prevaricación e autores dun delito de fraude.

Á mesma pena de prisión, dous anos, foi sentenciado o administrador e un empregado da adxudicataria do proxecto, a construtora Eiriña, así como o arquitecto que o asinou; todos eles inhabilitados para obter subvencións e axudas públicas durante catro anos.

A maxistrada condenou a un ano de prisión e a dous anos de inhabilitación para obter axudas públicas a cada un dos donos das dúas construtoras que accederon a participar no procedemento negociado sen publicidade sabendo que se trataba dun "mero trámite" para adxudicar a obra a unha determinada empresa.

Na sentenza, a titular do xulgado do penal número 3 de Pontevedra considera probado que a construtora á que a Deputación adxudicara en 2011 a instalación de herba artificial no campo de fútbol de Moraña e outras obras en edificacións anexas aumentou o seu custo en 86.816 euros debido a unha certificación.

Ao tratarse dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía pasar o importe subvencionado, polo que, segundo a sentenza, "ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa o importe que reclamaba".

A maxistrada destaca que, para facer fronte a ese pago, adxudicouse "de forma irregular" outra obra á mesma construtora por ese importe, en concreto, as melloras no vestiario e as bancadas do campo de fútbol, a pesar de que parte delas xa foran realizadas.

Unha vez denegada a posibilidade de aumentar o custo das obras iniciais "buscáronse alternativas para pagar esa certificación, creándose o proxecto de mellora en vestiarios e bancada do campo de fútbol", indica a xuíza no seu fallo. Esta cuestión, apunta a maxistrada, queda demostrada nas escoitas a varios dos acusados e a documentación achegada pola Fiscalía.

Engade que o entón presidente da Deputación, Rafael Louzán, "sabía de primeira man", por visitar o campo con motivo do anterior proxecto, tamén subvencionado pola Deputación, "que canto menos a maioría das obras para as que aprobou unha nova subvención xa estaban executadas".

Esa conduta de Louzán, segundo a xuíza, "evidencia unha vontade manifesta en contra da legalidade", porque sabía que a subvención que estaba a conceder para estas obras era "claramente arbitraria e contraria a dereito".

O xulgado pontevedrés condena a Luisa Piñeiro, entón alcaldesa de Moraña, porque pediu dita subvención "a propósito de que as obras para as que a solicitaba, no seu maior parte, xa estaban executadas".

En canto ao director de infraestruturas da Deputación, a xuíza sostén que el foi quen "buscou o encaixe da operación", indicando mesmo a que arquitecto como asinante do proxecto debían acudir, o cal "se limitou a asinar o proxecto e certificacións".

A xuíza sinala que o administrador da construtora Eiriña debe ser condenado porque interveu como "beneficiario último da subvención", mentres que un dos seus empregados foi "quen executou ou mandou executar as actividades necesarias para a culminación do proxecto".

Na sentenza, a maxistrada pontevedresa ordena o comiso dos 86.311 euros cobrados por Eiriña con motivo do proxecto de mellora de bancadas e vestiarios do campo de fútbol, así como da cantidade cobrada polo arquitecto.

A sentenza non é firme e pode ser recorrida ante a Audiencia de Pontevedra.