CRTVG

Buscar

Rafa Nadal consegue o seu duodécimo Roland Garros ante o austríaco Thiem

Publicado o 10/06/2019 09:22
Rafa Nadal consegue o seu duodécimo Roland Garros ante o austríaco Thiem

Como dixo no seu día Jimmy Connors, "este tipo xoga coma se non tivese cartos na conta corrente". Compareceu na central da man dun cativo e un minuto despois de superar as tres horas de encontro xa tiña no peto o seu trofeo preferido por decimosegunda vez. 

Os que no século pasado pensaban que nunca habería outro Björn Borg, xa saben agora que o manacorí dobra en títulos o sueco sobre a terra parisiense. Iso si, Borg retirouse con 26 anos.
Malia levar catro días seguidos xogando e logo de pasar pola pedra a Djokovic, o austríaco tiña pernas para aguantar os peloteos no primeiro set que acabou perdendo e, malia a derrota por 6 a 3 tivo pernas tamén para gañar o segundo por 7 a 5.  

Thiem resisitiu dúas mangas, ata un catro a cero de saída na rolda posterior que xa se lle fixo bola e con Rafa en modo martelo pilón o seu drive era daquela un golpe sen resposta para o aspirante. 
Dos últimos 14 xogos Nadal gañou unha ducia. Os números din que Rafa leva 93 triunfos en París en 95 encontros. 

E logo o ritual de sempre: a camiseta ciscada de terra, a deportividade, o respecto polo rival...
A tres semanas do comezo de Wimbledon. Rafa Nadal está a dous grandes de Roger Federer, que ten 20. 

Nunca estivera tan preto do xenio de Basilea.

Noticias web

10/06/2019