Quiroga suspende a Feira do Viño por causa da covid−19

O Concello de Quiroga informou de que, de acordo co consello do "comité de expertos" que asesora á Xunta de Galicia na loita contra a pandemia, suspendeu a tradicional Feira do Viño deste municipio da Ribeira Sacra, que se ía celebrar esta fin de semana.
Nun comunicado, o Goberno municipal informa de que esperou "practicamente ata o último minuto para coñecer a situación sanitaria antes de tomar unha decisión", pero que tras reunións coa Confraría do Viño, o comité organizador da feira, a Xunta de Seguridade Local e con hostaleiros da vila, "todos estiveron de acordo en non levar a cabo a parte da feira que concentra o maior número de persoas", como son "as casetas de venda de viño e o pregón".
Si se vai manter a parte máis cultural da feira, como o concerto da banda de música Santádega, o espectáculo de animación infantil Ramona Órbita, a dona do tempo, a cargo de Pakolas, e as actuacións dos Festicultores Troupe e a Charango Louband.
O alcalde de Quiroga Julio Álvarez precisou que, aínda que a incidencia agora mesmo é moi baixa no municipio, con esta decisión se quere evitar que a feira sexa "un foco de contaminación, proliferación ou diseminación da pandemia".