Quintana: "Temos complicado estar na mesa de negociación co Reino Unido"
A conselleira do Mar considera complicado poder formar parte da mesa de negociación pesqueira da UE co Reino Unido nestes momentos de pandemia. Segundo dixo, nunha entrevista no Bos días da Televisión de Galicia, o Goberno central non "consegue facilitarnos o acceso" para participar con voz propia.
Porén, Rosa Quintana asegura que o Ministerio acaba de lles proporcionar un link para poder seguir os plenarios nos que se discute, coas illas británicas, o futuro do sector. Neste contexto, Rosa Quintana aposta por continuar "facendo o traballo necesario para reforzar a postura do Estado".
Tras a sinatura do acordo co Reino Unido do 24 de decembro, no que a Unión Europea perdeu un 25 % das posibilidades de pesca ata o ano 2026, considera crucial manterse alerta. A conselleira pensa que é preciso "analizar ben as posibilidades de pesca que queremos defender de cara ao futuro" para que no 2026 "non nos volvan pegar outro machadazo".
Rosa Quintana amósase convencida de que a Europa hai que ir "co traballo feito", con datos e argumentos que certifiquen a importancia do sector pesqueiro galego que, segundo dixo, representa máis do 50 % da produción da Unión Europea.
A conselleira avoga por darlle ao sector a importancia que lle corresponde como facilitador de alimentos. Ademais, sitúao como "exemplo de todas as rexións europeas" en eidos como o da biodiversidade ou o funcionamento dos grupos de acción local.