CRTVG

Buscar

Quince novas mortes sitúan en 1.024 o total de vítimas da pandemia en Galicia

Publicado o 10/11/2020 20:15

O Sergas notificou o falecemento de 15 persoas nas últimas horas en Galicia, que foran diagnosticadas de coronavirus.

Cos novos falecidos rexistrados, o total de vítimas mortais da pandemia na comunidade autónoma ascende a 1.024.

Na área da Coruña faleceron un home de 88 anos, un home de 71 e unha muller de 66 anos. Todos eles ingresados no CHUAC.

Na área de Ferrol, as vítimas son unha muller de 92 anos ingresada no CHUF e procedente da Residencia As Fragas-Pontedeume, unha muller de 54 anos ingresada no CHUF e un home de 84 anos que faleceu no seu domicilio de Fene.

En Lugo faleceron unha muller de 94 anos ingresada no HULA e procedente da Vivenda Comunitaria Remanso de Paz da Fonsagrada, unha muller de 84 anos ingresada no Hospital da Mariña e procedente da residencia de San Cibrao de Cervo e unha muller de 83 anos ingresada no HULA.

Na área sanitaria de Ourense faleceron un home de 78 anos ingresado no CHUO, unha muller de 88 anos na Residencia Nosa Señora dos Miragres de Barbadás, unha muller de 97 anos ingresada no CHUO que procedía da Residencia Nosa Señora dos Milagres de Barbadás e outra muller de 98 anos, tamén na Residencia Nosa Señora dos Milagres de Barbadás.

Ademais, faleceron unha muller de 91 anos no Hospital do Salnés (procedente da Residencia DomusVi-Ribadumia) e un home de 72 anos no CHUS.

Todos eles presentaban patoloxías previas.

Baixa o ritmo de contaxios, pero crecen as hospitalizacións

Por outra banda, seguen aumentando as hospitalizacións. Hai 609 persoas ingresadas. Delas 95 están na UCI.

Ademais, segue freándose o ritmo de crecemento de novos contaxios. Nas últimas 24 horas diagnosticáronse 350 positivos con proba PCR e os casos activos mantéñense por debaixo dos 10.000.

A cidade de Ourense sae da alerta máxima

A provincia de Ourense, epicentro da pandemia en Galicia hai un mes, reduce significativamente os contaxios e casos activos. A súa capital xa non está desde este martes en vermello no semáforo de alertas por covid−19.

Mar Vázquez, directora asistencial da área sanitaria de Ourense, explica que "no concello de Ourense, de xeito específico, a redución nestas dúas-tres semanas acada cifras do 46 %, aproximadamente un 75 % no Carballiño e un 50 % en Verín. Os datos son realmente esperanzadores".

As autoridades sanitarias atribúen esta melloría ás duras restricións implantadas hai un mes. Porén, non melloran todos os parámetros que se deben ter en conta para sacalas.

"A pesar desa redución no número de casos activos na provincia, a presión hospitalaria aínda é importante", explica a directora asistencial da área sanitaria de Ourense.

O comité clínico mantén as restricións

Pola súa banda, o comité clínico de expertos decidiu manter as restricións vixentes en Galicia fronte á pandemia, que pasan por medidas como o peche da hostalería e o confinamento perimetral de 60 municipios. As autoridades sanitarias apuntan que é demasiado cedo para revisalas.

Disto informou a Consellería de Sanidade despois de que terminase a reunión do comité celebrada esta tarde. 

Con todo isto, os casos activos e o ritmo de contaxios levan só tres días mellorando. Pero estanse facendo menos probas PCR e mantense a presión hospitalaria.

De momento só se modificou a ocupación nos lugares de culto. Amplíase ao 50 %, coma no resto de Galicia, nos 60 concellos coas restricións máis duras.

O presidente da Xunta di que nas zonas en que as restricións levan en vigor máis tempo xa se constata unha melloría dos datos, pero tamén pediu prudencia coa evolución desta pandemia.

Núñez Feijóo cre que aínda é cedo para ver o efecto do peche da hostalería nos concellos con maiores restricións.

Volven baixar os concellos en alerta vermella pola incidencia

Hoxe son 43, dous menos ca onte. Aínda que entraron dous municipios no máximo nivel de alarma, que son Coristanco e Soutomaior, hai catro concellos onde mellorou a situación e descenderon a alerta laranxa: Burela, Pontedeume, Cambados e Ourense.