CRTVG

Buscar

Quince concellos participan na campaña de fomento da reciclaxe de envases plásticos e latas

Publicado o 10/02/2021 16:00

Adiada ao declararse a pandemia, quince concellos galegos retoman a campaña 'Únete ao reto' para fomentar a reciclaxe de envases de plástico, latas e bricks.

O obxectivo é superar durante os próximos tres meses nun dez por cento a cantidade de residuos que acabaron no colector amarelo no mesmo período do ano anterior.Cada concello compite consigo mesmo para axitar as conciencias dos seus cidadáns e motivalos a mellorar as cifras de reciclaxe de todos os residuos que van parar ao colector amarelo.

Envases de plástico, latas e brics, pero tamén envases de produtos lácteos, bandexas de cortiza branca e de aluminio, aerosois e tapas de frascos.

"Temos, coma sempre, que seguir estudando e seguir formándonos, e seguir incentivando a poboación para que separe os seus envases, separe os seus residuos en xeral, porque canto máis separemos e máis recollamos seguramente poidamos ter un medio ambiente moito máis limpo", asegura Bruno de Llano, delegado de Ecoembes en Galicia.

O obxectivo dos quince concellos participantes é superar nun dez por cento os residuos recollidos nos colectores amarelos durante os próximos tres meses, comparado co mesmo período do ano anterior. "Creo que a sociedade é moi receptiva a este tipo de campaña e estou convencido, non pode ser doutra maneira, que imos conseguilo", opina o alcalde da Estrada, José López.

O premio serán dous mil euros que cada concello gañador do reto deberá doar a unha causa social local que eles elixan. "Creo que os resultados son moi bos e ademais que se manteñen no tempo, que iso é o importante, non só a campaña, senón que despois continúe", considera Sagrario Pérez, directora xeral de Calidade Ambiental.

O ano pasado Galicia reciclou 65.000 toneladas de latas e envases lixeiros.

Noticias web

10/02/2021