CRTVG

Buscar

Queremos Galego reivindica o idioma fronte á política lingüística da Xunta

Publicado o 17/05/2021 14:59

• Pontón e Caballero reclaman máis apoio institucional para a lingua

Foto: EFE

Miles de persoas encheron a praza do Obradoiro de Santiago neste luns 17 de maio, Día das Letras Galegas, durante o transcurso dun acto convocado pola plataforma Queremos Galego para reivindicar o uso do idioma propio fronte ás políticas lingüísticas da Xunta.  

Múltiples colectivos sociais, sindicais e políticos secundaron esta protesta e onde se escoitaron con con forza as xa habituais consignas: "En Galicia, en galego!". 

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, di que o galego "non se pode empregar en todo e para todo" e pide que sexa "unha lingua plenamente oficial".

Os asistentes ao acto reivindican un maior uso do galego. Din que a nosa lingua segue en perigo e por iso piden unha discriminación positiva do idioma. Un dos asistentes di que se necesita "compensar unha situación histórica de marxinación para a lingua". 

Esta mobilización, habitual do 17 de maio, configurouse como a cara oposta aos actos institucionais do Día das Letras Galegas organizados pola Real Academia Galega (RAG) e coa participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que este ano se centralizaron en Vigo por ser a cidade onde desenvolveu gran parte da súa vida Xela Arias, poeta á que se dedica a festividade neste 2021.  

Este evento de Queremos Galego, de marcado carácter festivo e reivindicativo, estivo conducido pola actriz Isabel Risco e contou coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, entre outros cargos de ambas as formacións políticas.   

Noticias web

17/05/2021