CRTVG

Buscar

Queixas veciñais polos problemas derivados dunhas obras en Vigo

Publicado o 15/09/2021 14:54

O taller de Juan está ao fondo dun canellón ao que só se pode acceder dende a rúa Hispanidade, en Vigo. Asegura que dende que comezaron as obras nesa vía, hai máis de tres meses, perdeu clientes porque non podían entrar.

"Os nosos clientes chegan e marchan. Non entran. Un día non poden acceder pola rúa Barcelona, que é o acceso normal, outro día non poden acceder pola rúa Zamora, que é o acceso secundario. É un desastre. O máximo foi onte. Avisáronnos cun cartel que ían pechar o acceso luns e martes e non puidemos traballar", lamenta o dono do taller.

Juan mesmo chamou a Policía Local, e asegura que conseguiron que lles facilitasen o acceso ao taller. Outros negocios tamén lamentan as molestias destas obras.

"Moitas veces non hai acceso para os clientes, hai máis dun veciño que caeu, porque hai areas. Hoxe podes pasar por arriba, mañá por abaixo. Non hai avisos. Lévamolo bastante mal porque quedaron en acabar en setembro e agora dinnos que para novembro... Esto é un caos", explica o responsable dunha óptica da zona.

"Houbo varias caídas con roturas. Unha muller rompeu os pulsos, outra o brazo. É polas condicións que deixan toda a fin de semana", relata a dona dunha farmacia.

Tamén os hai que confían en que todas estas molestias teñan recompensa cando as obras estean rematadas.

"Hai que entender que as obras hai que facelas. Cando acaben, vai quedar moi bonito. Hai que pasalas. Repercútenos a todo porque a xente ve a obra e xa non entra, pero hai que entender que son dous ou tres meses", comenta a responsable dunha peixería.

Reclaman que se melloren os accesos para garantir que poidan seguir traballando.

Noticias web

15/09/2021