CRTVG

Buscar

Queixas polos ataques de lobo en Xove

Publicado o 10/02/2021 10:38

Só quedaron ósos e pel do poni que pacía neste prado logo de recibir a visita do lobo. As animalias entraron por un lateral da leira aproveitando o acubillo que lles dá o eucaliptal lindeiro e facendo un burato por baixo do peche metálico.

Os ponis non son especie incluída na orde de indemnizacións por danos do lobo, polo que o propietario non vai cobrar nada pola súa perda. O ataque produciuse a plena luz do día, preto das vivendas e case á beira do mar. Este atrevemento cada vez maior dos lobos ten alarmados a veciños e gandeiros da zona.

Miguel López, gandeiro: "O que haxa. A nós matounos unha xata que tería agora tres meses. Pero mata canto haxa: vacas, cabalos, ovellas...".

Xosé Quelle, gandeiro: "A min deixoume ferido un xato e cobrou o veterinario 70 euros. Ao pouco volveu e matou a vaca que tiña ao cabo del".

Dende hai dous anos, non pasan quince días sen que o lobo mate ou deixe ferida algunha res nesta zona. O gando converteuse no sustento, segundo os veciños, de polo menos unha manda de lobos que xa foi vista en varias ocasións. Os afectados reclaman solucións inmediatas e lamentan que se teñan prohibido as batidas de caza, mesmo as disuasorias.

"O lobo hai que telo controlado e que estea nos sitios onde ten que estar. Non tan preto das casas e da praia".

"Nin o mataron nin lle fixeron nada porque Medio Ambiente non deixa. Non sei se hai que matar o lobo, a nós ou deixalo comer o gando".

Ademais do lobo, en Xove teñen que aturar tamén os danos que causan o xabaril, o corzo e a velutina.

Noticias web

10/02/2021