CRTVG

Buscar

Queixas en Santiago porque a rúa dos Cabalos leva tres meses cortada

Publicado o 12/08/2020 13:33

Malestar veciñal na rúa dos Cabalos, en Santiago. Denuncian que non teñen servizos por culpa dunha obra privada que deixa incomunicadas varias familias. O Concello di que se pechou por risco de desprendemento. 

"Que nos deixen a rúa libre", é o que piden os veciños, segundo nos conta Ramón Fandiño, presidente da Asociación de Veciños Pontepedriña de Arriba San Xoán de Afora. 

"Podemos estar tres meses coa rúa así. Para facer un muro de contención dunha casa non fai falla ir ao medio da rúa, digo eu".

Non entenden que se manteña pechada tanto tempo unha rúa cando non están a traballar na obra dunha vivenda continuamente, segundo din.

Aseguran que o corte da estrada afecta a unhas cinco familias da Rúa dos Cabalos, pero que os cortes de subministración eléctrica e de auga se estenden a outras zonas da contorna.

Consideran que non é normal que por unha obra privada permaneza tanto tempo pechada unha pista que supón problemas para os servizos que non poden chegar ás casas situadas máis arriba.

Ramón Fandiño recorda que hai moita xente que ten que ir ao supermercado ou a coller o autobús. "Hai dous meses unha ambulancia tivo que vir marcha atrás para buscar unha señora para levala ao hospital e estamos sempre así", asegura.

"A Torreiro de Arriba e a rúa dos Cabalos parecen as rúas de Pancho Villa de Santiago. Cada vez que hai unha rotura cortan a auga. Ao mellor hai días que botan todo o día coa auga cortada. Esta rúa hai pouco que se fixo e hai 50 roturas, entón hai que mirar isto. Que cambien a tubaxe ou que fagan algo. Non podemos estar así un día e outro tamén", engade.

En canto aos cortes da subministración de auga, bótanlle a culpa ao mal estado da rúa, sobre a que están a circular, segundo din, camións de gran tonelaxe que acceden á obra, o que xa causou danos e mesmo a rotura de canos da auga. O estrada está en mal estado e nalgúns puntos hai sinalización que advirte do perigo polos buratos que hai no pavimento.

Noticias web

12/08/2020