Queixas en Lugo polo mal estado do aparcadoiro público a carón do Lucus Augusti
Queixas en Lugo polo mal estado do aparcadoiro público situado a carón do Hospital Lucus Augusti. Din que é unha lameira e que conta con numerosas fochancas polo efecto da chuvia. Os usuarios non entenden que non se pensara nestes previsibles problemas cando se planificou o aparcadoiro.
É un exemplo do que teñen que sufrir a diario os condutores que queren estacionar o seu vehículo no aparcadoiro público posto en marcha polo Concello de Lugo a carón do Hospital Lucus Augusti. Os usuarios quéixanse de que o firme está en mal estado, e aínda peor cando coinciden días de chuvia. O resultado, fochancas de gran tamaño que supoñen un risco.
"Tiña que haber aparcadoiros en condicións. Este desde logo non, con area, terra... Pero mellor que nada é". "Só hai que mirar como está iso...". "Hai moito furado, non hai moito por onde pasar. Había que darlle unha man de cemento, faille boa falta". "Moi mal. Había que botarlle un pouco de pedra porque patínase moito, hai moita lameira. Está sempre así, e cada día a peor". "Ao chover esto ponse... Tiñan que botarlle outro firme. Hai que andar con coidado"
Ademais das fochancas, o aparcadoiro convértese nunha lameira cando chove, o que dificulta o camiño para os que se dirixen cara ao hospital. Os usuarios lembran que este aparcadoiro xa se anegou ao pouco de abrir e, malia que se fixo un recheo para tentar mellorar o firme, o paso do tempo demostra que non foi a solución máis axeitada. Ante esta situación reclaman que se estuden novas melloras, xa que hai moi poucas prazas para aparcar de balde na contorna do Hospital Lucus Augusti.