CRTVG

Buscar

Queixas dos veciños de Narón polos excesos e pelexas que se montan nun bar de copas

Publicado o 31/08/2021 15:33

As imaxes son dunha fin de semana, pero poderían ser de calquera outra porque segundo os veciños se suceden cada vez que abre o local. Eles confesan sentir medo e non poden nin baixar á rúa.

"Se membros da propia familia se pegan puñaladas uns a outros, cando baixes ti, que che poden facer?", conta ​Bárbara Lamas, unha veciña.

"A pelexa móntase abaixo e botan a xente para a beirarrúa e pechan a porta como que aquí non pasou nada. E despois os ouriños, defecan aí, o sangue, veña a baldear os vasos, cristais e a falta de descanso", conta Belén Rey, veciña afectada.

"Ata me din que se escoito a música que me vaia de aquí, e eu estou no meu, que non estou no de ninguén", quéixase Juana Franco, outra muller.

"Aínda por riba a xente sae pedindo auxilio, estás na ventá e pídenche a ti auxilio, chama a policía, chama a ambulancia, sangrando. Xente que foi na ambulancia soubemos que foi positiva e aquí ninguén pechou o local, ao día seguinte seguiron abrindo", segue falando Bárbara.

A Policía Local é xa unha habitual nas liortas, ten actas levantadas non só das pelexas, tamén por exceso de ocupación e de ruído.

"Nós trasladamos esas actas á oficina correspondente, a unidade tramitadora pero o expediente está aberto e segue o seu curso", informa ​Jose Antonio Carballido, oficial da Policía Local de Narón.

"O que non se pode converter a Policía Municipal é en gardiáns de seguridade da propia discoteca. Nós non podemos caer nesas provocacións sistemáticas que os propios veciños e veciñas están padecendo porque é o que eles queren, que entremos na provocación para que isto acabe nunha batalla campal", conta ​Xulio Rodríguez, voceiro dos veciños ante o Concello.

Noticias web

31/08/2021