CRTVG

Buscar

Queixas dos gandeiros polos novos contratos do leite

Publicado o 21/07/2020 13:53

Se o prezo medio que cobran os gandeiros por litro de leite viña sendo de 31 céntimos dende o outono, os novos contratos que lles ofrecen as industrias báixano ata 29. Por exemplo, unha granxa que entregue 40.000 litros ao mes perdería agora 800 euros mensuais. O principal problema, segundo os gandeiros, é que as empresas non deixan marxe de manobra e avisan con pouca antelación, de forma que hai que aceptar o que ofrezan para non perder a recollida.

"Véñennos con ofertas á baixa, rompendo contratos e esixindo que asinemos un documento que di que cubrimos custos. Eso é como poñernos unha pistola no peito e obrigarnos a asinar. Non debemos pasar por esto porque é un roubo a cara vista."

Ademais, as industrias obrigan a asinar un documento en que o gandeiro recoñece que o prezo que lle pagan cobre os custos de produción. As organizacións agrarias din que non se poden cubrir custos cun prezo de 29 céntimos cando producir cada litro custa 34. Por iso recomendan que non se asinen os contratos ata ter todas as garantías legais e xa advirten que van facer un estudo xurídico dos novos contratos.

"Para nós non ten xeito cos contratos asinados. Danche tres opcións: ou asinar á baixa, ou irte da empresa ou presentarche os seus servizos xurídicos. Xa nos gustaría isto último porque a ver que xuíz lles dá a razón por romper contratos asinados por un ano."

Os gandeiros insisten en que non ten sentido que lles baixen os prezos cando o consumo mundial de leite non só non baixou senón que se disparou durante a pandemia.

Noticias web

21/07/2020