Quedan sen recoller un cento de toneladas de lixo na Coruña
Dende o comité de empresa de Cespa, a concesionaria do servizo, aseguran que hai sen recoller entre 80 e 110 toneladas de lixo na cidade. Dos 25 camións que recollen o lixo no concello, só 13 están a traballar estes días.
Denuncian importantes problemas en dispositivos que afectan a seguridade dos traballadores, como os sistemas antiatrapamento e tamén presións por parte da empresa para saír aínda cos camións avariados. Aseguran que van denunciar esta situación á Inspección de Traballo e anuncian unha folga indefinida se no prazo de 10 días non se arranxan as deficiencias dos vehículos. Un prazo que case coincide co que fixou o Concello da Coruña para que a empresa poña a punto a súa frota.
Mentres, os veciños de barrios como Labañou e Os Rosales empezan a notar xa cheiros e problemas de hixiene.