CRTVG

Buscar

Prohibidas as queimas de restos agrícolas ou forestais; comeza a campaña de alto risco de incendios

Publicado o 01/07/2020 18:18

Aínda que nas primeiras horas deste mércores, un de xullo, as previsións meteorolóxicas falan de ceos nubrados, incluso con algunha chuvieira, e temperaturas moderadas, o certo é que dá comezo a tempada de alto risco de incendios. Polo cal a Consellería do Medio Rural decidiu prohibir as queimas agrícolas e forestais

É dicir, quedan suspendidas as comunicacións para queimas agrícolas e os permisos para queimas forestais, tanto as pendentes de tramitación coma as novas solicitudes. Unha prohibición que se vai estender ata o 30 de setembro.

As autoridades piden á cidadanía que extreme as precaucións á hora de realizar calquera labor no medio rural, e piden tamén que se denuncie calquera actividade incendiaria da que poida ser testemuña.

A partir deste mércores tamén se reforza o dispositivo na loita contra incendios, que este ano, coma nas últimas campañas vai estar composto por sete mil efectivos. Un operativo co que van colaborar todas as administracións, tanto a local, como a autonómica e a estatal.

O operativo será semellante ao do ano pasado en número de efectivos, uns 7.000 entre persoal da Xunta, dos concellos e dos corpos e forzas de seguridade do Estado. Instaláronse 120 cámaras de videovixilancia, que permitirán controlar case o 60 por cento do monte galego. Haberá ademais 10 drons sobrevoando zonas de alto risco de incendios. A Xunta lembra tamén que hai un número de balde e anónimo para denunciar calquera actividade incendiaria, o 900 815 085.

"Ese chamamento á prudencia e tamén ese aviso que damos sempre de que queimar o monte é un delito, un delito perseguido. Detéctanse os responsables e póñense a disposición da xustiza. Por tanto, aviso tamén a posibles incendiarios de que este ano se intensificará aínda máis, se cabe, a vixilancia", dixo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

 

Noticias web

01/07/2020