En 48 horas remata o prazo para que se poida chegar a acordo sobre a venda de Alcoa

Nerviosismo na planta de aluminio de San Cibrao. En 48 horas finaliza o prazo para que empresa e Goberno cheguen a un acordo sobre a venda da fábrica. Son horas decisivas para o milleiro de traballadores que dependen do futuro da planta. Despois de moitos meses de conflito laboral, non acaban de ver a saída, e isto fai que medre a tensión e o nerviosismo.
Mañá remata ese prazo dado inicialmente para chegar a un acordo sobre o proceso de venda, e nas últimas horas o único que transcendeu é que o grupo británico Liberty House, interesado na factoría, acreditou ante Industria a súa viabilidade económica, logo de que se cuestionase a súa solvencia. O Ministerio xa ten no seu poder eses documentos.
O comité esíxelle ao Goberno que peche xa a operación de venda a través da SEPI, que non dilate máis este proceso. Aínda que mañá remata o prazo, Alcoa xa manifestou que estaría disposta a amplialo, pero o comité de empresa aínda non tomou unha decisión nese sentido.