CRTVG

Buscar

Q de calidade turística para os miradoiros de Sober

Publicado o 09/12/2020 21:04

Foi nos anos 80 cando no concello se Sober comezaron a construír os seus miradoiros. Agora contan con dez e a fermosura das paisaxes que dende eles se observan fixo que veñan de ser recoñecidos cun selo de calidade turística na categoría de espazo público singular.

"Son miradoiros diferentes, aínda que todos están cara ao Sil. Dende Pena do Castelo, en Doade, onde podes contemplar as vides traballadas da ribeira ata Pena do Conde, en Anllo, onde contemplas a desembocadura do río Cave no Sil, que tamén é outra xoia da natureza", sinala Luís Fernández Guitián, alcalde de Sober.

Agora dende o Concello anuncian a posta en marcha dun proxecto para potenciar a súa rede de miradoiros, un dos recursos turísticos máis coñecidos da zona.

"Intentaremos agora facer unha sinalización homoxénea, sinalizar aparcadoiros con espazos reservados para persoas con mobilidade reducida, facer información específica da rede de miradoiros e mesmo unha programación de actividades específica durante o ano que vén", sinala Luís Fernández Guitián, alcalde de Sober.

Só outros catro espazos públicos contan con esta distinción no conxunto do estado e aínda que todos están en Galicia este é o primeiro para a provincia de Lugo e a Ribeira Sacra.

Noticias web

09/12/2020