CRTVG

Buscar

Puigdemont sae de prisión e poderá abandonar Sardeña

Publicado o 24/09/2021 18:11

• "España nunca perde a oportunidade de facer o ridículo", dixo

• O xuiz convoca o expresidente catalán a unha vista o 4 de outubro para decidir sobre a súa extradición a España

• Sánchez e Aragonés defenden a vixencia da mesa de diálogo 

 

AXENCIAS

O expresidente catalán Carles Puigdemont saíu da prisión de alta seguridade de Sassari, na illa italiana de Sardeña, na que se atopaba tras ser detido este xoves no aeroporto de L'Alguer, en virtude dunha orde do Tribunal Supremo español.

O Tribunal de Apelación de Sassari considerou que o seu arresto no aeroporto de L'Alguer realizouse de acordo coa lei, pero decidiu deixarlle en liberdade sen medidas cautelares e convocoulle para o 4 de outubro para a vista na que se decidirá sobre a súa entrega ou non a España.

O seu avogado en Italia, Agostinangelo Marras, dixo que Puigdemont estará presente ese día no tribunal sardo, e explicou que o líder independentista non ten restricións de mobilidade, a pesar de que nun principio se informou de que non podía saír da illa italiana. O defensor explicou que ao ler o auto puido comprobar que o líder independentista, detido este xoves no aeroporto de L'Alguer, en virtude dunha orde do Tribunal Supremo español, pode moverse sen limitacións.

Pugidemont foi saudado á súa saída por un grupo de independentistas de Sardeña que coreaban o seu nome e a palabra independencia, mentres soaban cancións en catalán e ondeaban bandeiras de Cataluña e Sardeña. Rodeado de xornalistas, tras saír de prisión, Puigdemont dixo que se atopa "moi ben" e ironizou sobre o feito de que saíse libre: "España non perde nunca as oportunidades de facer o ridículo".

Segundo Puigdemont, a "decisión" do Tribunal Xeral da Unión Europea sobre a súa liberdade de movementos por territorio europeo, na súa condición de eurodeputado, era " clarísima". Explicou que antes de aterrar no aeroporto de Sardeña, onte xoves, "tiña unha noticia de que había carabinieris" e pensou que "isto podía pasar", en alusión á súa detención. Pero "sabemos tamén como pode acabar", dixo, confiado en que o seu caso se resolverá sen unha extradición a España.

A detención do expresidente catalán produciuse de xeito inesperado, no aeroporto de L`Alguer: unha alerta informática alertou a policía de que pesaba contra el unha euroorde que ata agora se cría suspendida."Alguén sobremotivou os policías do aeroporto de Sardeña e a partir de produciuse a detención. Porque o presidente Puigdemont estivo a semana pasada na Asemblea Nacional francesa e créanme que aí pasou moitos controis policiais", dixo o seu defensor. 

O Parlamento Europeo retiroulle a Carles Puigdemont a súa inmunidade en marzo. O expresident recorreu ante a xustiza europea, pero a Corte de Luxemburgo denegou a petición porque entendía que a orde de detención española non estaba en vigor. Pero agora parece que non era así: de feito, Pablo Llarena xa lles remitiu un escrito aos xuíces italianos explicando que a euroorde de 2019 segue vixente. Por iso, os avogados de Puigdemont falan de engano e preparan un escrito para que interveña o tribunal europeo.

Tamén está por ver se Italia aceptaría unha extradición en base a un delito, o de sedición, que como tal non existe no seu código penal. Ese foi o motivo de que tanto Bélxica como Alemaña desestimaran no seu día a súa entrega. Á vista daqueles antecedentes, a decisión italiana podería demorar semanas.

Noticias web

24/09/2021