Puigdemont defende a unilateralidade se España non ofrece unha alternativa
Puigdemont participou nunha xuntanza con alcaldes independentistas en Sardeña antes de partir luns para Bruxelas e seguir cos seus labores como eurodeputado. O expresidente da Generalitat, detido o xoves e posto en liberdade o venres, insiste en que se España non ofrece un proxecto alternativo á independencia en Cataluña o pobo catalán terá dereito a exercer a unilateralidade:
"Se finalmente a resposta continúa sendo non e o único proxecto alternativo á independencia é o que estamos tendo, catro anos de represión e de negación sistemática dos nosos dereitos e dos nosos recursos, temos todo o dereito político, moral, de xustiza para exercer a unilateralidade cando esteamos nas condicións para exercela".
Insistiu en que é unha vía "non violenta" e "lexítima" que xa seguiron outros pobos e que foi avalada pola xustiza internacional.
"A todos nos gustaría que o Estado español se comportase como no seu momento se comportou o Estado canadense ou como se comportou recentemente o Reino Unido. Gustaríanos que houbese un acordo para o exercicio da autodeterminación. Se lle preguntamos á maioría dos cataláns que están a favor do independentismo preferirían esta vía. Lamentablemente non temos diante o Goberno do Canadá nin o Goberno do Reino Unido."
O expresidente recordou que volverá á illa de Sardeña o 4 de outubro para comparecer no xulgado onde se decidirá se se dan as condicións para a súa entrega a España. El confía en que o proceso acabe ben e que a decisión da Corte Europea sexa clara.