CRTVG

Buscar

O Supremo reclama a extradición de Puigdemont, pendente de declarar en Italia

Publicado o 24/09/2021 14:45

Sobre Carles Puigdemont pesa unha orde internacional de detención e entrega ditada polo Tribunal Supremo, que foi a que motivou a súa detención a noite pasada ao aterrar en Alghero. Agora a xustiza italiana debe decidir se avala este arresto e entrega o expresidente da Generalitat a España. A defensa de Puigdemont é optimista e confía en que o Tribunal Xeral da Unión Europea volva protexelo como eurodeputado, o que evitaría novamente a súa extradición.

Houbo expectación durante toda a mañá ante a corte de apelación de Sassari, onde independentistas cataláns e sardos agardaban o paso a disposición xudicial de Carles Puigdemont. Finalmente o ex-presidente podería comparecer de maneira telemática.

Puigdemont pasou a noite en prisión tras ser detido pola policía italiana de fronteiras no aeroporto de Alghero, nada máis aterrar procedente de Bruxelas.

A defensa do expresident asegura que está tranquilo e confía en conseguir unha nova vitoria sobre a xustiza española. O Parlamento Europeo suspendeu recentemente a inmunidade de Puigdemont, pero el recorreu en maio esta decisión ante o Tribunal de Xustiza da Unión, que aínda non ditou sentenza pero si lle denegou as medidas cautelares. Cun matiz: o Tribunal de Luxemburgo indicoulle que en situación de risco podería volver solicitalas. E a isto se aferra o seu avogado.

O Supremo reclamará a extradición

Pero o Supremo asegura que segue en vigor a euroorde, reactivada polo xuíz Llarena hai case dous anos cando se condenou por sedición aos líderes do procés. Por iso reclamará a extradición do expresidente da Generalitat, e o prazo máximo para decidir a entrega é de 60 días. Xa enviou a Sardeña a euroorde. 

O enredo xurídico é un capítulo máis no periplo xudicial de Puigdemont dende a súa fuxida de Cataluña tras a DUI, hai case catro anos. En Bélxica entregouse á xustiza, pero Llarena retirou a euroorde para non condicionar a investigación. En Alemaña detívoo a policía, e estivo dez días en prisión. O tribunal alemán aceptou a súa extradición só polo delito de malversación, polo que o Supremo volveu retirar a euroorde ao entender que había indicios de rebelión. Italia non contempla o delito de sedición, pero si un moi similar: é o de subversión da orde democrática.

O Tribunal Supremo agarda a entrega de Carles Puigdemont a España. O Alto Tribunal reivindica a vixencia das ordes de detención ditadas polo xuíz Llarena. de momento non se produciu unha comunicación formal entre autoridades italianas e o Tribunal Supremo, que é o que reclama a Carles Puigdemont desde hai dous anos.

En outubro de 2019, o xuíz Llarena asinou a orde europea de detención do expresidente catalán fuxido da xustiza, e agora o alto tribunal di que esas orde de detención e entrega está plenamente vixente. Así é que o que se pode agardar agora é que comece un intercambio de información, de documentos entre Italia e España sobre os delitos polos que se solicita a entrega de Puigdemont.

En Italia non existe o delito de sedición, pero si un semellante de subversión da orde democrática. O obxectivo final do procedemento que comeza agora é de poder traer a Puigdemont e xulgalo polo referendo ilegal do primeiro de outubro e a proclamación dunha fugaz independendencia de Cataluña.

Noticias web

24/09/2021