Publícanse os resultados definitivos das eleccións do 12-X e o Parlamento constituirase o 7 de agosto

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores os resultados definitivos das eleccións galegas do pasado 12 de xullo, así como os deputados electos por cada circunscrición.
Deste xeito avanza o proceso para a constitución, o próximo 7 de agosto -venres da próxima semana- do Parlamento autonómico, na que será a XI lexislatura autonómica.
Segundo os resultados definitivos, en Galicia votaron nas eleccións do pasado 12 de xullo 1.320.955 persoas do total de 2.697.490 que compoñen o censo electoral (incluídas as máis de 460.000 do censo de españois residentes ausentes), o que rebaixa a participación total ao 48,9 por cento.
Dos votos emitidos, 1.308.949 foron válidos; 1.297.175 a candidaturas e 11.774 en branco.
O Partido Popular de Galicia (PPdeG) foi a primeira forza, con 627.762 votos, o que lle reportou 42 escanos, o mellor resultado en deputados de Alberto Núñez Feijóo nas catro maiorías absolutas que conseguiu desde 2009.
En segunda posición, con 311.340 votos, colocouse o Bloque Nacionalista Galego (BNG), que obtén 19 deputados, o seu mellor resultado histórico en escanos en Galicia.
E como última forza que terá representación parlamentaria sitúase o Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), que con 253.750 terá 14 deputados, os mesmos ca a pasada lexislatura.
Nesta ocasión, o voto emigrante, malia ser mínimo, apenas 5.000 votos (dos máis de 460.000 electores con dereito) foi decisivo e arrebatoulle un escano ao PSdeG na circunscrición de Pontevedra en favor do PPdeG.
O Parlamento autonómico volverá ter 3 forzas políticas oito anos despois, xa que en 2012 e en 2016 houbo unha cuarta forza na Cámara galega; primeiro Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), que acabou dividida e introduciu un Grupo Mixto no hemiciclo; e posteriormente En Marea, dalgún modo herdeira de AGE, e que tamén acabou dividida e deu lugar a un Grupo Mixto.
Unha vez que se constitúa o Parlamento o próximo 7 de agosto comezan ás presas os prazos para a constitución dos grupos parlamentarios e das comisións e posteriormente para o debate de investidura, ao que se presentará por cuarta vez Alberto Núñez Feijóo.
Este debate, a finais de agosto -o máis probable- ou inicios de setembro dará lugar á súa investidura, dada a súa maioría absoluta, e a continuación, nos seguintes días, tomará posesión do seu cargo e nomeará o seu novo goberno, do que xa apuntou que será continuista.