CRTVG

Buscar

PSOE, PP e Podemos pechan filas cos seus líderes tras o 12X

Publicado o 13/07/2020 20:23

PSOE e PP tratan de pechar filas e de buscar unha lectura positiva do seu desigual resultado nas eleccións galegas e vascas deste domingo mentres Podemos, que sufriu un desastre sen paliativos, tenta desvincular ao seu líder, Pablo Iglesias, do duro revés nos comicios do 12X.

Os socialistas, que gañaron un escano en ambas comunidades, viron con todo como non foron capaces de rendibilizar a caída de Podemos e as súas confluencias, varridas do mapa político galego e condenadas á irrelevancia no País Vasco. A súa presenza no Goberno central non foi suficiente para facerse coa maioría dos antigos votantes de Podemos, que parecen pasarse en masa aos nacionalistas do BNG, en Galicia, e de Bildu, en Euskadi.

O PSOE recoñece que non os resultados que agardaban

En Galicia, o PSOE quedou como terceira forza, e no País Vasco, aínda que todo indica que volverá pactar o Goberno co PNV, ve como os seus principais rivais electorais se distancian cada vez máis. O seu secretario de Organización, José Luis Ábalos, admitiu que os resultados "non son bos pero non son os peores", xa que conseguiron gañar un escano en cada unha das comunidades. "Non son os que nos gustarían", admitiu o responsable socialista, que atribuíu os resultados á peculiaridade das comunidades históricas "que teñen procesos moi diferentes ao resto".

Nunha entrevista na SER, Ábalos aproveitou para destacar o fracaso da coalición do PP e Ciduadanos en Euskadi, unha "aposta persoal" do líder popular, Pablo Casado. Máis suave estivo coa caída sen precedentes de Podemos, os seus socios no Goberno de coalición. "Para Unidas Podemos foi un cambio moi grande pasar de oposición a Goberno", argumentou.

En calquera caso, a Comisión Executiva Federal do PSOE que se reuniu este luns en Madrid, puxo en valor que se poida reeditar o pacto co PNV no País Vasco porque, ao seu xuízo, vén fortalecer o Executivo de coalición "que xa estaba a gobernar".

Algúns dos principais rexedores socialistas, como a coruñesa Inés Rey, chamaron a abrir un tempo de reflexión dentro do PSdeG. A luguesa Lara Méndez pediu un debate interno e o compostelán Xosé Sánchez Bugallo recomendoulle ao seu líder aprender do resultado.

Vigo foi a única cidade que resistiu o empuxe do PP: Abel Caballero evitaba valoracións máis alo das locais: "non, o meu partido é Vigo, como é natural, sábeo todo o mundo. En Vigo, o Partido Popular empatou co Partido Socialista"

Entre as voces máis críticas, estivo a do ex-alcalde de Lugo. López Orozco cre que fallou a estratexia e o discurso ante a situación social.

Cara e cruz para o PP en Galicia e Euskadi

Na rúa Xénova tamén sabor agridoce pola amplísima vitoria de Alberto Núñez Feijóo, que revalidou a súa cuarta maioría absoluta, pero a importante caída do PP nas eleccións vascas, a pesar da alianza con Ciiudadanos.

Nunha entrevista en Telecinco, o vicesecretario de Comunicación, Pablo Montesinos, defendeu a campaña electoral de Carlos Iturgaiz que puxo "en pé" ao partido e apostou por traballar en construír unha alternativa "seria" ao nacionalismo e a Bildu.

A pesar dos resultados do País Vasco, Montesinos fixo unha defensa da coalición con Cs e avanzou que o PP "negociará e dialogará" un novo pacto para as eleccións catalás, unha posibilidade á que tamén está abertos os de Inés Arrimadas.

O presidente o PP, Pablo casado, afirmou  que "algo se está facendo mal" na sociedade española para que Bildu obtivera máis parlamentarios nas eleccións vascas que toda as forzas de representación nacional "xuntas e sumadas".

Casado fixo estas manifestacións durante o seu discurso de homenaxe ao concelleiro do PP de Ermua Miguel Ángel Blanco, secuestrado e asasinado hai 23 anos por ETA, nun acto no que a irmá da vítima, Marimar Blanco, non puido evitar as bágoas ao lembrar que este mesmo ano os seus pais faleceron durante a pandemia de coronavirus.

O líder do PP quixo referirse tamén ás eleccións galegas e afirmou que desde onte esa comunidade ten "un gran presidente" que seguirá reivindicando os valores que defende o PP en todo o país, desde o primeiro ao último municipio ou parroquia de España. 

No caso de Galicia, Montesinos non ve cuestionado o liderado de Pablo Casado. Ao seu xuízo, a vitoria é "de Alberto Núñez Feijóo e do PP" e afirmou que o éxito do tándem Feijóo-Casado será "a antesala" dun gran resultado a nivel nacional con Pablo Casado á fronte.

O propio Feijóo prometeu “traballar por Galicia ata o final da lexislatura” afastando así a posibilidade inmediata dun salto á política nacional e reivindicado o seu "rotundo éxito" electoral, co que cre que os galegos demostrou que non queren "nin tutelas nin tutías" e votaron o que "lles deu a gana".

Podemos desvincula os malos resultados de Pablo Iglesias

 Derrota sen paliativos. Así se refería Pablo Iglesias a uns resultados que deixan a Podemos sen voz no Parlamento galego. Chama á autocrítica tras un pau que a voceira da formación atribuía a múltiples causas. 

A portavoz de Podemos, Isa Serra, asumiu que se debe facer unha "gran reflexión" sobre o "mal resultado" electoral tanto de Euskadi como de Galicia, pero desvinculou ese fracaso ao liderado de Iglesias ou da dirección do partido recentemente elixida.

"Acabamos de ter unha asemblea cidadá en Podemos que revalidou a dirección que temos actualmente. Esa dirección xunto cos nosos compañeiros en Euskadi e Galicia teremos que ter unha reflexión para saír máis fortes para o futuro", remarcou.

Polo momento, Podemos non convocou á súa Executiva para estudar os resultados, un encontro que terá lugar "nos próximos días", segundo o seu portavoz.

Desde fóra de Podemos, a antiga man de dereita de Iglesias, Íñigo Errejón, considera que nin na mobilización interna nin nos resultados electorais parecen en nada o Podemos de agora ao de 2014. Podemos, resolveu Errejón en Twitter, "xa non existe". "Existe unha cousa que se chama UP-Unidas Podemos- e que ten os resultados de sempre de EU", alertou.

Ramón Espinar achaca a derrota a unha campaña teledirixida desde Madrid e culpa á dirección por non ter máis proxecto que o reparto do poder

 

Noticias web

13/07/2020