PSOE, PP e BNG apoian no Congreso unha intervención temporal de Alcoa
O BNG conseguiu o apoio de socialistas e populares no Congreso dos Deputados para loitar xuntos polo futuro da planta de aluminio de San Cibrao. Os tres partidos pactaron unha enmenda para instar ao Goberno a que tome todas as medidas necesarias para salvar a factoría da Mariña. Incluída unha intervención temporal, que permita parar o ERE, seguir coa produción e vender despois a fábrica.
Desde San Cibrao, a voceira do Bloque insistía na mesma idea. "A semana que vén levaremos ao Parlamento de Galicia unha proposta para que tamén reclamen esa intervención pública. É o momento de que a Xunta e o Goberno central estean á altura", afirmaba Ana Pontón.
Desde a Xunta pídenlle ao Goberno que mova ficha, e ofrecen a súa colaboración. "Que o Goberno desenvolva todas as medidas, chegando á intervención, para garantir a viabilidade de Alcoa. Temos que seguir traballando unidos", dixo Francisco Conde, vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía.
Á espera dunha resposta política, o comité de empresa iniciou xa as xestións para impugnar o ERE ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Mentras non chegue o xuízo, agardan que se tomen medidas cautelares para evitar o peche da planta.