CRTVG

Buscar

O PSOE suma aliados para evitar que descarrile o Pacto de Toledo

Publicado o 20/02/2019 09:28

PSOE, PdeCat, PNV e Compromís uníronse para solicitar unha reunión extraordinaria, este xoves, para votar os 21 puntos do Pacto de Toledo sobre os que -afirman- se acadara xa un alto nivel de consenso. Os catro partidos culparon a Podemos de ir á comisión da mañá co seu programa de máximos. O clima de precampaña coouse na reunión. A voceira socialista acusou igualmente o PP por aproveitar a posición de Podemos para evitar que Sánchez remate a lexislatura cun acordo sobre pensións.

Mercè Perea, PSOE: "Foron dous anos e medio intensos, non foron fáciles, de posicións moi contrapostas, e fomos capaces de chegar a este consenso. Mesmo o Partido Popular parecía que estaba neste consenso e á última hora parece que o afago de Podemos lle foi fantástico".

As críticas a Podemos chegaron mesmo desde Compromís, que os acusou de facerlle un favor á dereita.

Ignasi Candela, Compromís: "Os grupos que unitaleralmemte romperon o pacto de Toledo despois de dous anos e medio de traballo están abrindo as portas ao cuestionamento do sistema público de pensións, que é precisamente contra o que estivemos loitando durante moitos anos".

Desde Unidos-Podemos, Yolanda Díaz explicou que non querían pechar o debate en falso. Aseguran que algunhas das medidas pactadas benefician os plans de pensións privados.

Iolanda Díaz. Unidos-Podemos: "Por falar claro, pretendíase pechar o pacto, as 21 recomendacións, cando os debates estaban sen pechar".

Carlos Floriano, PP: "Desgraciadamente, as recomendacións non puideron ver a luz por mor da esquerda. Fixeron un conxunto de propostas inviables, eles mesmos e entre eles mesmos, que poñían a sostibiliade do sistema en perigo".

Os catro partidos que piden a votación das propostas insisten en pedirlle explicacións a Podemos e PP. Se a súa iniciativa non prospera, decaerían medidas como a revalorización das pensións ligada ao IPC, o seu financiamento mediante impostos, ou non financiar coas cotizacións gastos impropios do sistema, como as prestacións de paternidade e maternidade. Tamén a posibilidade de que, nunha futura economía robotizada, coticen os robots.

Noticias web

20/02/2019